Achegándonos ao LHC
A preocupación do CERN polo medio ambiente foi crecendo ao longo das décadas, e actualmente constitúe un dos seus obxectivos principais.
A estratexia do CERN con respecto ao medio ambiente baséase en tres piares: minimizar o impacto do laboratorio no medio ambiente, reducir o consumo de enerxía e aumentar a súa reutilización, e desenvolver tecnoloxías que poidan axudar á sociedade para preservar o planeta. Durante gran parte do último período, o complexo de aceleradores do CERN estivo sometido a unha longa parada que finalizou en xullo de 2022, co inicio do Run 3 (cuxa finalización está prevista para 2025). Aproveitouse esta pararda para realizar traballos importantes en ámbitos como os residuos, o ruído, as radiacións ionizantes e a biodiversidade, uso do chan e cambio paisaxístico.
En concreto, abordáronse prioritariamente: limitar o aumento do consumo de electricidade e auga e reducir as emisións directas de gases fluorados procedentes de grandes experimentos.
En relación a isto último, o CERN comprométese a limitar o aumento do consumo de electricidade ao 5% ata o final do terceiro Run (2025) en comparación co ano de referencia 2018 (o que corresponde a un obxectivo máximo de 1314 GWh), á vez que aumenta significativamente o rendemento das súas instalacións. Tamén se compromete a aumentar a reutilización da enerxía. En 2022 consumiuse un total de 1215 GWh, e o complexo de aceleradores é agora máis eficiente, proporcionando máis datos por unidade de enerxía consumida. Á luz da crise enerxética, o CERN aplicou medidas adicionais de aforro de enerxía como mostra de responsabilidade social, e seguiu explorando a diversificación das fontes de enerxía e os proxectos de recuperación de calor. O proceso para obter a certificación de xestión enerxética ISO 50001, recoñecida internacionalmente, foille xa concedida.

Traballos na Subestación Eléctrica do CERN (Prevessin Site)
O obxectivo do CERN é reducir as emisións directas de gases de efecto invernadoiro nun 28% ao final do 2025 en comparación con 2018, o que corresponde a un obxectivo máximo de 138300 tCO2e. En 2022 xeráronse 184300 tCO2e de emisións directas, cun amplo programa para garantir o progreso cara ese obxectivo. Por exemplo, incrementáronse os esforzos para reparar as fugas nos sistemas de gas e traballouse para substituír os gases actuais por outros máis respectuosos co medio ambiente. Con respecto ás emisións indirectas de gases de efecto invernadoiro, o CERN informa delas por desde fai catro anos, como se se tratase dunha industria convencional.
No que respecta ao consumo de auga, o CERN comprometeuse a manter o aumento do seu consumo de auga por baixo do 5% ata o finais de 2025 (o que corresponde a un obxectivo máximo de 3651 ML) a pesar da crecente demanda de refrixeración por auga nas instalacións modernizadas. Desde o ano 2000, o CERN reduciu radicalmente o seu consumo de auga en aproximadamente un 80%.
Outro obxectivo do CERN foi aumentar a súa taxa de reciclaxe de residuos non perigosos, que representan máis do 70% do total de residuos xerados. En 2022, esta taxa de reciclaxe foi do 69%, fronte ao 56% de 2018.
A biodiversidade, o uso do chan e o cambio da paisaxe son outro foco importante do informe, do mesmo xeito que o último sobre como a tecnoloxía e o coñecemento do CERN benefician á sociedade, especialmente co novo Programa de Innovación do CERN sobre Aplicacións Ambientais lanzado en marzo de 2022.
Todas estas consideracións estiveron moi presentes na construción do CERN Science Gateway, que é un exemplo de edificación sustentábel respectuosa co medio ambiente.
A información ofrecida aquí foi tomada do artigo Third environment report demonstrates progress CERN Courier (Xaneiro 2024).
|
AUTORES Xabier Cid Vidal, Doctor en Física de Partículas (experimental) pola Universidad de Santiago (USC). Research Fellow in experimental Particle Physics no CERN, desde xaneiro de 2013 a decembroe de 2015. Estivo vencellado ao Depto de Física de Partículas da USC como becario "Juan de la Cierva", "Ramon y Cajal" (Spanish Postdoctoral Senior Grants), e Profesor Contratado Doutor. Desde 2023 é Profesor Titular de Universidade nese Departamento (ORCID). Ramon Cid Manzano, foi catedrático de Fïsica e Química no IES de SAR (Santiago - España), e Profesor Asociado no Departamento de Didáctica de Ciencias Experimentais da Facultade de Educación da Universidad de Santiago (España), ata o seu retiro en 2020. É licenciado en Física, licenciado en Química, e Doutor pola Universidad de Santiago (USC).(ORCID). |
CERN CERN Experimental Physics Department CERN and the Environment |
LHC |
NOTA IMPORTANTE
Toda a Bibliografía que foi consultada para esta Sección está indicada na Sección de Referencias
© Xabier Cid Vidal & Ramon Cid - rcid@lhc-closer.es | SANTIAGO |